18
dic

 

O proxecto europeo AgileDT, no que FP Liceo La Paz participou desde o ano 2023, entrou na súa fase final tras dous anos de intenso traballo centrado na innovación educativa, a colaboración internacional e a incorporación de metodoloxías áxiles e de Design Thinking na Formación Profesional. A última reunión presencial do proxecto tivo lugar en novembro en Dublín, mentres que o peche formal se realizou nun encontro en liña durante o mes de decembro.

 

Ao longo do proxecto, AgileDT promoveu unha transformación progresiva da práctica docente, apostando por modelos de aprendizaxe máis activos, participativos e centrados no alumnado. Para o profesorado de FP Liceo La Paz, esta experiencia supuxo unha oportunidade para experimentar novas formas de planificar, dinamizar e avaliar o proceso de ensino-aprendizaxe, integrando ferramentas propias das metodoloxías áxiles e fomentando a creatividade, o traballo en equipo e a resolución de problemas reais na aula.

 

A reunión presencial celebrada en Dublín marcou un momento especialmente significativo para o centro, xa que foi a primeira vez que o Liceo La Paz participou nunha mobilidade de AgileDT con alumnado. Nesta ocasión representaron ao centro os docentes Brais Arias Río e Mónica Pérez Sueiro, xunto cos estudantes Borja Carracedo Pérez, Laura Eijo Ortiz e Andrés Iglesias Souto. Durante esta estancia, os distintos equipos internacionais presentaron o traballo desenvolvido nos seus retos transnacionais, aplicando os coñecementos adquiridos ao longo dos últimos meses. O Liceo La Paz participou guiando o reto realizado en colaboración coa escola Ekonomska šola Novo mesto (Slovenia), e foi o propio alumnado do centro quen se encargou de presentar o proceso seguido e as solucións propostas, amosando un alto grao de implicación, capacidade de análise e madurez no traballo colaborativo.

 

Mais a experiencia en Dublín foi moito máis alá das aulas e presentacións. Durante a estancia, docentes e estudantes conviviron e compartiron espazos de aprendizaxe e tempo libre, fortalecendo lazos e creando un verdadeiro espírito de equipo entre profesorado e alumnado. Visitaron lugares emblemáticos como a biblioteca do Trinity College, descubriron catedrais, castelos e a historia da cidade, e tiveron a oportunidade de coñecer distintas lendas sobre os Leprechauns, pequenos seres do folclore irlandés. Estes momentos fomentaron a convivencia, o intercambio cultural e o espírito de equipo, permitindo conectar aos participantes de distintos países e consolidar amizades e aprendizaxes que trascenden o proxecto.

 

AgileDT estivo liderado polo Learnovate Centre (Trinity College Dublin), coa colaboración da University of Galway, e contou coa participación de centros educativos de España, Portugal e Slovenia. Ademais de FP Liceo La Paz, participaron os centros CPR Daniel Castelao (España), AEVA e AES Serta (Portugal), e EŠNM e SIC Brežice (Slovenia).

 

Dende o noso centro queremos expresar o noso sincero agradecemento a Learnovate pola excelente organización da reunión en Dublín e pola guía constante ao longo de todo o proxecto, así como á University of Galway polo seu apoio académico. Do mesmo xeito, queremos poñer en valor a colaboración e o traballo conxunto de todos os centros participantes, que fixeron posible unha auténtica experiencia europea de aprendizaxe compartida e innovación educativa.

 

Aínda que o proxecto entrou xa na súa fase de peche, AgileDT deixa como legado un conxunto de recursos educativos abertos que permiten dar continuidade ao traballo iniciado. Na canle oficial de YouTube do proxecto atópanse dispoñibles vídeos con casos de estudo, pensados para guiar tanto ao profesorado como ao alumnado na aplicación práctica das metodoloxías áxiles e do Design Thinking na aula, pode partirse dun exemplo básico inicial que pode ser adaptado a distintos contextos educativos.

 

Para FP Liceo La Paz, AgileDT non representa un peche, senón unha base sobre a que seguir construíndo. As aprendizaxes metodolóxicas, a experiencia internacional e a participación directa do alumnado reforzan o compromiso do centro cunha Formación Profesional innovadora, conectada coa realidade profesional europea e en constante evolución!

 

0 No existen comentarios

Comments are closed.