04
jun

Nos últimos meses, o Liceo La Paz puxo en marcha unha serie de experiencias educativas innovadoras a través do proxecto europeo AgileDT, centrado en aplicar metodoloxías activas e colaborativas que axuden ao alumnado de Formación Profesional a resolver retos reais, conectando o ámbito educativo coa contorna que o rodea así como o ámbito empresarial. Trátase dun proxecto no que participan centros de Portugal, Galicia e Eslovenia, liderados por Learnovate Centre, Trinity College Dublin e a Universidade de Galway, evidenciando a vantaxes da colaboración e a interdisciplinariedade.

 

O marco do proxecto é o Design Thinking, unha metodoloxía de traballo que permite identificar necesidades reais, pensar solucións creativas e desenvolvelas en equipo de forma práctica e visual, pero, sobre todo, centrarse no usuario. En poucas palabras: aprender facendo, creando e resolvendo problemas concretos, sen perder de vista ao usuario final.

 

A primeira experiencia desenvolveuse no grupo do ciclo superior de Dietética, que traballou durante cinco sesións arredor dun reto moi actual: como implicar ao alumnado e ás familias na planificación dos menús escolares, fomentando unha alimentación saudable e sostible. Tendo en conta o movemento diario do comedor do Liceo, de máis de 1200 persoas, podía ser un reto realmente interesante e útil.

 

No caso de Dietética, o traballo comezou cunha aproximación práctica á realidade do centro. O equipo entrevistouse con Alfonso, xefe de comedor; David, xefe de cociña; Carmen, coordinadora; Pilar, docente do ciclo de Dietética encargada de revisar os menús e Victoria, responsable da xestión do comedor. Cada un explicou como participa na elaboración, supervisión e adaptación dos menús escolares.

 

 

A esta proposta seguiron dous talleres máis breves nos ciclos superiores de Transporte e Loxística e Animación 3D, dentro de pouco contarémosvos como nos foi por alí.

 

As sesións en Dietética foron dinamizadas pola DT-Force do Liceo La Paz, un equipo formado especificamente para impulsar este tipo de propostas dentro do proxecto AgileDT. Ao fronte estaban Brais Arias Río e Mónica Pérez Sueiro, docentes que participan no proxecto dende o curso pasado e que teñen ampla experiencia tanto no uso de metodoloxías activas como na organización de actividades interdisciplinares.

 

Neste proceso contaron co apoio da profesora Susana Naya Baldomir, así como dun grupo de alumnado voluntario que colaborou activamente na facilitación das sesións: Borja Carracedo Pérez, Anh Fariñas Garrido, Laura Eijo Ortiz e Andrés Iglesias Souto. O seu papel foi fundamental para acompañar aos equipos, resolver dúbidas, explicar dinámicas e manter o ritmo de traballo.

 

Este modelo de colaboración horizontal, con docentes e alumnado traballando en equipo na organización, fixo que as sesións fosen máis participativas, motivadoras e adaptadas ao ritmo de cada grupo. Vexamos un pouco que foi o que pasou na aula…

 

Para comprender mellor o problema, empatizar coas persoas usuarias e achegarse á realidade do reto, o alumnado contou coa colaboración da experta dietista Irene Calvelo Méndez, que participou en dúas sesións compartindo a súa experiencia profesional. Irene, ademais de exercer como dietista, está moi comprometida coa educación nutricional e colabora habitualmente con centros educativos como divulgadora. A súa participación foi clave para axudar ao grupo a poñerse na pel das persoas implicadas e a enfocar as súas propostas desde unha perspectiva realista e comprometida. Ademáis permitu que os alumnos conectasen de forma real co problema e coñecesen o traballo real da experta, e vendo así o potencial do seu propio traballo e esforzo.

 

 

A partir desa comprensión inicial, cada grupo identificou necesidades concretas e formulou preguntas de deseño utilizando a técnica How Might We…?. A continuación, exploraron solucións mediante dinámicas creativas como o Idea Alphabet, o Crazy 8 e a creación de Storyboards, combinando diferentes ferramentas. O uso de ferramentas dixitais permitiu deseñar prototipos e recoller feedback de maneira eficaz, mentres que as plantillas impresas e o traballo manual seguiron sendo útiles para favorecer unha creatividade máis libre e espontánea. A idea principal era non centrarse nunha soa, intentando que se adaptasen as necesidades do grupo.

 

 

As propostas finais abrangueron desde trípticos informativos, cartelería, propostas de webs educativas, así como actividades lúdicas como escape rooms, obradoiros para familias e presentacións dos proxectos. Na cuarta sesión os equipos deron forma final ás súas ideas e planificaron a súa validación, non podemos olvidar que hai que probar as propostas antes de que sexan unha realidade. A quinta sesión centrouse na presentación dos prototipos creados, primeiro a través de simulacións de situacións reais (roleplay) e na presentación das solucións ante os compañeiros e a propia Irene, que proporcionou un feedback dende unha perspectiva profesional moi valioso.

 

A calidade das presentacións propostas evidencian o potencial formativo destas metodoloxías activas cando se aplican a retos reais e significativos. De feito, as solucións, desenvoltas con máis tempo, poden converterse nunha realidade aplicable a calquera centro educativo.

 

Sen dúbida, experiencias como esta demostran que outra forma de aprender é posible, e que cando se traballa con metodoloxías activas, acompañamento e retos reais, o alumnado responde con implicación, creatividade e ilusión!

0 No existen comentarios

Comments are closed.