13
may


 

Nace a DT Force do Liceo La Paz: alumnado que lidera a innovación na aula.

 

Como moitos xa sabedes, o centro Liceo La Paz participa este curso no proxecto europeo AgileDT (Agile Design Thinking in VET), unha iniciativa internacional que busca introducir metodoloxías áxiles e o pensamento de deseño (Design Thinking) no ensino de Formación Profesional. Coordinado desde Irlanda por Learnovate e o Trinity College de Dublín, o proxecto involucra centros de varios países europeos, Eslovenia, Portugal e España, coa intención de transformar as aulas nun espazo máis colaborativo, práctico e conectado coas empresas e o mundo actual.

 

Vídeo resumo do proxecto:

 

 

Como parte desta iniciativa, a principios de abril, dentro da Interación 1 da fase do proxecto AgileDT de aplicación de Design Thinking nas aulas, o Liceo La Paz puxo en marcha a súa primeira DT- Force: un grupo de estudantes e docentes voluntarios que realizaron obradoiros para coñecer as diversas técnicas aplicables ás cinco fases de Design Thinking. Converténdose así no equipo para liderar a aplicación destas metodoloxías nas aulas. A DT-Force recibiu formación práctica sobre ferramentas como o Mapa de empatía, How Might We…?, Idea Alphabet, Storyboard ou Crazy 8, primeiro nun obradoiro liderado por Learnovate e o centro Daniel Castelao de Vigo, e despois nunha mesa redonda que se organizou no Liceo para seguir coa formación e compartir inquietudes e organizar os retos a levar a cabo nas aulas. E así, este equipo comezou a acompañar a docentes e grupos de ciclos formativos en obradoiros reais, enmarcados na Iteración 2 da fase de proba nos centros, para comprobar a efectividade de todas estas técnicas.

 

Vídeos resumo do primeiro taller da DT-force e dos dous primeiros pitchs/propostas de solucións iniciais:

 
https://www.youtube.com/shorts/EveNsMyAVBg

 

https://www.youtube.com/shorts/BQc0mZSbN60

 

https://www.youtube.com/shorts/zeruey7WHnc

 

A DT-Force está a colaborar en ciclos como Dietética, Transporte e Loxística ou Animación 3D, facilitando sesións nas que o alumnado resolve retos reais de maneira interdisciplinar, aplicando enfoques creativos e innovadores. A experiencia non só está a mellorar a implicación do alumnado nos procesos de aprendizaxe, senón que tamén está a reforzar habilidades clave como o traballo en equipo, a escoita activa, a toma de decisións e o pensamento crítico. Ademáis temos a sorte de contar con profesionais que se achegan ao centro para conseguir enmarcar os retos de forma realista.

 

Desde o Liceo queremos destacar o esforzo e implicación de Ángeles e Susana, e do incríble alumnado Andrés, Anh, Borja, Laura, Manuel e Sabela, que se sumaron con ilusión á DT-Force, sumando forzas con Brais e Mónica, que xa formaban parte do proxecto. O seu compromiso é admirable: están a investir o seu tempo fóra do horario lectivo para aprender, acompañar aos ciclos e impulsar, dende dentro, unha forma de ensinar e aprender máis activa, creativa e conectada co mundo real. Son exemplo claro de como a innovación pode medrar cando se confía no potencial das persoas e se lles dá espazo, confianza e ferramentas.

 


 

Este é só o comezo dunha aposta pola innovación na aula que continuará medrando nos vindeiros meses. Se queredes saber máis, nos vos perdades os seguintes artigos sobre os retos nas diferentes aulas de Formación Profesional!

0 No existen comentarios

Comments are closed.