Non todos os días che propoñen crear unha mascota que represente ao teu centro educativo. Pois iso foi exactamente o que fixeron os estudantes do Ciclo Superior de Animación 3D, xogos e contornas interactivas do Liceo La Paz, dentro do proxecto europeo AgileDT. Un reto diferente, visual e con moito potencial: deseñar un personaxe simpático, recoñecible e útil para redes, eventos e materiais do centro.
AgileDT é un proxecto que xa presentamos en artigos anteriores, así que se te perdiches algo, podes navegar pola nosa web e seguir as redes sociais do centro e do proxecto.
A proposta formaba parte dunha sesión intensiva de 2,5 horas, enmarcada no Design Thinking, é dicir, no uso de metodoloxías áxiles e dinámicas participativas. Neste pequeno obradoiro destacou o traballo en equipo, crearon moitas ideas en moi pouco tempo, que deron lugar a esbozos rápidos e moita creatividade na aula, xerando propostas moi distintas pero moi interesantes para representar a esencia do Liceo La Paz.
A sesión comezou con dúas opcións sobre a mesa: deseñar unha mascota ou crear unha miniserie de vídeos para redes sociais. O grupo non tardou en decidirse: todos apostaron pola mascota. Ao fin e ao cabo, quen non quere ver a súa creación convertida na imaxe oficial do seu colexio?
Divididos en dous equipos, puxéronse mans á obra. Primeiro chegou o momento de pararse un momento a coñecer e definir, que representa realmente o noso centro? Como sería se fose unha persoa ou un personaxe? Ao principio custou un pouco arrancar, pero unha chuvia de ideas serviu para que pouco a pouco foran saíndo valores, cores, ideas ou emocións.
Despois de definir e idear, comezaron a tomar forma as primeiras ideas de mascotas, xurdiron nomes, personalidades, formas e estilos diferentes. Houbo quen preferiu unha mascota moderna, que aparecese en vídeos de YouTube, e quen a imaxinou omnipresente nas redes, nos corredores e ata nas carpetas do alumnado.
O máis bonito? Que mesmo quen comezou a sesión con poucas ganas ou sen saber moi ben que facer, acabou propoñendo, debuxando, e mesmo defendendo a súa idea.
E por suposto, tamén participou a súa profesora, Irene Romero, non só como guía, senón como unha compañeira máis: creando, opinando, e animando.
O obradoiro rematou cunha reflexión colectiva, algunhas ideas para seguir traballando a mascota o curso que vén e unha frase que resume moi ben o espírito da sesión:
“Deberíamos facer isto máis a miúdo!” E quizais teñen razón. Porque cando se traballa así, deseñando, creando e compartindo, aprender deixa de ser só unha tarefa e convértese nun proxecto con sentido.
As mascotas aínda non teñen nome, pero si teñen algo moi valioso: naceron de ideas compartidas, da creatividade posta en común e das ganas de facer algo diferente.
E iso, se o pensamos ben, representa moi ben a alma deste proxecto.
Este foi o último obradoiro deste ano nas aulas, pero en setembro voltamos de novo, con máis obradoiros, ideas, e moita enerxía para seguir probando que as metodoloxías áxiles e os retos conectados co mundo real son claves na ensinanza de ciclos formativos!
Comentarios recientes